Formación para a conservación de produtos KM0

(24.02.2022)

Dende Adercou, en colaboración co Campus de Ourense da Universidade de Vigo, poñemos  en marcha sesións formativas e prácticas para a aprender a  conservar  produtos de km0.

Oito concellos  integrantes da nosa Asociación de Desenvolvemento Rural Adercou (Cartelle, Pereiro de Aguiar, A Peroxa, Esgos, Paderne de Allariz, San Cibrao das Viñas, Xunqueira de Espadanedo e Nogueira de Ramuín) solicitaron recibir estes obradoiros para dar a coñecer á poboación o valor nutricional, asi como a importancia de entender un etiquetaxe ou de como poder conservar os excedentes das nosas hortas. 

O valor deste proxecto é poder achegar a Universidade á realidade do territorio. Así alumnos de Grao en Enxeñería Agraria e Mestrado en Ciencias e Tecnoloxia Agroalimentaria e Ambiental achegaranse ás sedes de diferentes asociacións destes concellos onde impartirán un obradoiro práctico. Ao mesmo tempo, os  alumnos porán en práctica os seus coñecementos á vez que a propia poboación do noso territorio amosaralle  as súas inquedanzas nesta temática. 
Dunha banda, os alumnos poderán adquirir a capacidade dun aprendizaxe autónomo con xestión de información, así como traballar en equipo dunha forma multidisciplinar onde estarán en contacto con asociacións e xente do rural que está a traballar con produtos agroalimentarios de autoconsumo. Poderán  ademais,  aportar solucións, ideas, innovación á hora da composición, calidade e conservación de froitas e verduras dende a perspectiva sanitaria e nutricional.

Todo elo estará supervisado e acompañado  por un equipo das mestras  da  Universidade,  Inmaculada Franco (área de tecnoloxía dos alimentos), Elena Falqué (área de química analítica) e Concepción Pérez Lamela (área de nutrición e bromatoloxía) que perseguen, durante o próximo curso académico, a participación activa do alumnado neste proxecto, o que lles permitirá a adquisición de competencias básicas e transversais. 

As xornadas formativas celebrarnse en fin de semana e comenzarán o venres 4 de marzo en Cartelle. O día 5 de marzo,  pola mañá,  están previstas nos concellos de Pereiro de Aguiar e San Cibrao das Viñas.

Para máis información contactar con Adercou, no teléfono 988360173 ou co propio concello.

Dende Adercou,  sempre conscientes da importancia de establecer sinerxías cos axentes cos que conta o noso territorio de influencia -un total de  17 concellos limítrofes da cidade de Ourense-, estamos ledos de formar parte deste proxecto, que fortalece o noso compromiso  co noso rural.


   GDR 11 Adercou (Asociación de Desenvolvemento Rural da Comarca de Ourense) | CET, Camiño do Pontón, 25. 32890 Barbadás | Tel. e Fax: 988 36 01 73 | gdr11@adercou.com
   Aviso legal