Axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios

(27.01.2023)

Convocadas as axudas da Consellería do Medio Rural para os investimentos en transformación, comercialización e/ou desenvolvemento de produtos agrícolas, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e convocar as correspondentes ao exercicio orzamentario de 2023. O código do procedemento é o MR340A.

As axudas consistirán en subvencións cuxa concesión se efectuará mediante concorrencia competitiva, así como en garantías para préstamos destinados a financiar os investimentos, cuxa concesión se efectuará mediante concorrencia non competitiva. As solicitudes de axuda poderán incluír soamente unha destas dúas modalidades de axuda, ou ben conxuntamente as dúas, xa que son combinables entre si nas condicións indicadas nesta orde.


Investimentos incentivables

1. Considéranse incentivables, con carácter xeral, os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e/ou comercialización de produtos agrarios, considerando como tales os produtos enumerados no anexo I do Tratado constitutivo da Comunidade Europea, excepto os produtos da pesca. Así mesmo, poderán subvencionarse investimentos relativos a procesos de transformación nos cales interveñan produtos non incluídos no anexo I do tratado, se estes son un compoñente menor do produto final. Considerarase que son un compoñente menor cando a súa cantidade ou o seu valor económico total non supere o 25 % do peso ou valor económico total do produto final.

2. Os produtos resultantes dos procesos de transformación e/ou comercialización poderán ser produtos agrarios (incluídos no anexo I do tratado) ou non agrarios (non incluídos no anexo I do tratado).

3. Non obstante, non serán apoiables:

a) Os proxectos en que o importe total dos investimentos subvencionables sexa inferior a 60.000 €.

b) No sector vitivinícola, os proxectos con investimentos solicitados por un importe total igual ou superior a 100.000 € relativos aos produtos descritos no anexo VII, parte II do Regulamento (UE) nº 1308/2013, do Parlamento e do Consello, do 17 de decembro, polo que se crea a organización común de mercados dos produtos agrarios e polo que se derogan os regulamentos (CEE) nº 922/72, (CEE) nº 234/79, (CE) nº 1037/2001 e (CE) nº 1234/2007, referente aos produtos amparados polos programas de apoio no sector vitivinícola, xa que poden ser subvencionados a través deses programas específicos.

4. Os tipos de gasto incentivables son os seguintes:

a) A construción, adquisición e mellora de bens inmobles. A compra de terreos ata un valor do 10 % do total dos gastos subvencionables.

b) A compra de maquinaria e equipamentos novos, ata o seu valor de mercado.

c) Os seguintes investimentos intanxibles: adquisición ou desenvolvemento de programas informáticos, así como adquisicións de patentes, licenzas, dereitos de autor e marcas rexistradas relacionadas cos procesos produtivos.

d) Os custos xerais vinculados ás alíneas a) e b) anteriores consistentes en honorarios de proxecto e dirección de obra, así como en estudos de viabilidade. En todo caso, o importe admisible nestes custos non poderá superar o 12 % do importe total dos investimentos subvencionables das alíneas a), b) e c) anteriores.

5. Porén non serán obxecto de axuda os investimentos relativos aos conceptos e ás actividades sinalados no anexo I desta orde.

A quen vai dirixido?
Poderán acollerse a estas axudas os empresarios individuais ou as sociedades que sexan ou vaian ser titulares de instalacións obxecto da axuda dedicadas á transformación e/ou comercialización de produtos do anexo I do Tratado constitutivo da Comunidade Europea, e sobre as cales recaia a carga financeira dos investimentos e gastos que se consideren incentivables.

Prazo: 28/01/2023 - 30/03/2023


Código de procedemento na Sede Electrónica da Xunta de Galicia: MR340A





   GDR 11 Adercou (Asociación de Desenvolvemento Rural da Comarca de Ourense) | CET, Camiño do Pontón, 25. 32890 Barbadás | Tel. e Fax: 988 36 01 73 | gdr11@adercou.com
   Aviso legal