Encontro coa conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez

LEADER 2014-2020

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, informou hoxe aos representantes da Asociación de Desenvolvemento Rural ADERCOU sobre os novos contratos de transporte, que garantirán a continuidade de todos os servizos actuais e os reforzarán na maioría dos casos

O NOVO PLAN DE TRANSPORTE DA XUNTA PERMITIRÁ DUPLICAR O NÚMERO DE PARADAS DE AUTOBÚS A 145.000 VECIÑOS DE 17 CONCELLOS DA COMARCA DE OURENSE, CHEGANDO ATA AS 1.200.
  • Vázquez Mourelle salienta que este novo plan tamén beneficiará ás empresas de transporte, xa que incrementará nun 35% os quilómetros que percorrerán os autobuses, ao pasar dos 1,3 millóns anuais aos 1,8 millóns.
  • Indica que se están a aproveitar sinerxías para mellorar os servizos e coordinar os horarios de autobuses coas necesidades da xente para que o transporte sexa máis útil para a mobilidade no rural e que chegue onde antes non chegaba.
  • Subliña que a integración do transporte escolar nas liñas de uso xeral posibilitará aproveitar os asentos baleiros dos autobuses escolares e mellorar a mobilidade dos veciños de moitos municipios, especialmente do rural.
  • Destaca que con esta integración, os rapaces terán blindada a atención ás súas necesidades e mellorado o servizo ao ter o acompañante garantido, e os maiores terán moitas máis paradas para coller o autobús.


Barbadás (Ourense), 5 de xuño de 2017.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, mantivo hoxe un encontro con representantes da Asociación de Desenvolvemento Rural ADERCOU, que engloba 17 concellos da comarca de Ourense e limítrofes, aos que lle presentou o novo Plan de Transporte da Xunta, que beneficiará a 145.000 persoas e permitirá incrementar case duplicar o número de paradas ata dispor de preto de 1.200.

Vázquez Mourelle salientou que este novo plan tamén beneficiará ás empresas de transporte, xa que incrementará nun 35% os quilómetros que percorrerán os autobuses, ao pasar dos 1,3 millóns de km/ano actuais aos 1,8 millóns de quilómetros/ano.

A titular de Infraestruturas explicou que o Goberno galego está a aproveitar sinerxías para mellorar os servizos e coordinar os horarios de autobuses coas necesidades da xente para que o transporte sexa máis atractivo e máis útil para a mobilidade no rural e que chegue a onde antes non chegaba.

Este novo Plan de Transporte Público, para o conxunto de Galicia, nesta primeira fase, prevé duplicar o número de paradas de autobús en preto de 200 concellos e beneficiar a 1,7 millóns de galegos, que terán unha parada a menos de 500 metros da súa casa.

A conselleira indicou que este plan busca de xeito especial incrementar a calidade do servizo e ofrecer a máxima cobertura territorial á dispersión xeográfica do rural. Precisou que esta iniciativa non só garante a continuidade dos servizos de autobús actuais, senón que os incrementa e os reforza.

Ethel Vázquez subliñou a integración do transporte escolar nas liñas de uso xeral, o que posibilitará aproveitar os asentos baleiros dos autobuses escolares e que a xente poderá empregar tamén no período non lectivo baixo a fórmula de transporte a demanda, cando o usuario teña feita previamente a reserva do servizo. Engadiu que isto significará unha mellora palpable na mobilidade dos veciños de moitos municipios, especialmente do rural.

Con esta integración, os rapaces terán blindada a atención ás súas necesidades e mellorado o servizo ao ter o acompañante garantido, e os maiores terán moitas máis paradas para coller o autobús: para ir a unha consulta ao centro de saúde ou para a revisión do sintróm;  para desprazarse ata o Concello para facer algunha xestión.

 

PLAN DE TRANSPORTE PÚBLICO DE GALICIA:

http://www.xunta.gal/c/document_library/get_file?folderId=1044007&name=DLFE-28854.pdf
















   GDR 11 Adercou (Asociación de Desenvolvemento Rural da Comarca de Ourense) | CET, Camiño do Pontón, 25. 32890 Barbadás | Tel. e Fax: 988 36 01 73 | gdr11@adercou.com